Sunday 05 de May de 2024

O Concello amplía as prazas de aparcadoiro para residentes na contorna da praza de Galicia


Un total de 22 prazas reservadas na actualidade polo TSX pasarán a ser zona verde de luns a venres en horario de tarde e durante as fins de semana

O Concello ampliará as prazas de aparcadoiro destinadas ás persoas residentes na contorna da praza de Galicia. Debido ás obras de humanización da rúa Pintor Joaquín Vaamonde e á necesidade de aumentar o espazo de aparcadoiro para as persoas residentes na zona, o Concello considera necesario realizar certos cambios nas 32 prazas que o Tribunal Superior de Xustiza, TSX, tiña reservadas todos os días até o de agora nas rúas Ferrol, Notariado e Arcebispo Lago.

Deste xeito, as persoas residentes na zona gañarán 22 destas 32 prazas para o seu uso todas as tardes de luns a venres, e as fins de semana, máis as que se sumarán co traslado do aparcadoiro de motos da praza de Galicia á rúa Notariado, que serán aproximadamente 3 ou 4.

A pesar da diminución de prazas na rúa Joaquín Vaamonde, con estas modificacións as persoas residentes terán máis prazas dispoñibles que antes; prazas que se suman á recente ampliación da zona de residentes na rúa Menéndez e Pelayo.

O Concello lembra que aínda que a ampliación dos espazos públicos e as peonalizacións poidan supoñer a perda de prazas para aparcar en superficie, estáselle dando prioridade ás persoas residentes, aumentando as prazas de zona verde e poñendo en marcha outras medidas correctoras. Nota de Prensa

A partir de mañá, as 18 prazas reservadas situadas na rúa Arcebispo Lago pasarán a ser compartidas. A reserva manterase de luns a venres, en horario de 07.30 a 15.30 horas, e o resto do día e nas fins de semana serán prazas verdes para persoas residentes.

Na rúa Ferrol, na beirarrúa dos número impares, hai 11 prazas, das que 6 se manterán reservadas para o TSX e as outras 5 serán para o TSX de luns a venres, en horario de 07.30 a 15.30 horas. O resto do horario e durante as fins de semana serán prazas azuis de rotación ORA.

Canto á rúa Notariado, as 9 prazas situadas no lado dos números pares quedarán da seguinte maneira: 5 manteranse reservadas para o TSX e as outras 4 serán para o TSX, de luns a venres en horario de 07.30 a 15.30 horas, e o resto do horario e as fins de semana serán prazas verdes para residentes. Estes cambios terán lugar cando finalicen as obras de saneamento que se están realizando na rúa e se pinte a calzada.